DOUS DÍAS NO PARAÍSOEran as 11 do 24 de Agosto cando collémolo barco en Vigo. Coma 12 anos atrás. Tenda de campaña, tenis, sombreiro de palla. Case coma 12 anos atrás. Unhas poucas engurras máis, un pouco menos de pelo; bastantes máis canas, pero a mesma –quizais máis- ilusión.
O tempo non acompaña. Hai unha néboa cerrada, que por momentos se transforma en chuvisca. Vai frío, mesmo se hai que tapar cun saco de durmir.
Imos A Panda de Gooffy, como nos chaman a panda das nosas fillas, e Alberto.
Baixamos do barco e transportamos a equipaxe nos mesmos carros –tipo leiteira anos 60-70- ata o cámping. Montamos as tendas (comprobo con satisfacción que o fago con máis facilidade que antes, e iso que debe facer 6 anos que non a usaba). Comida baixo unhas árbores, mirando á ría –Monteferro, Samil, Vigo, Cangas, Cabo Home .
Tarde de praia. Sensación de liberdade: é nudista, pero cada quen vai como quere. Baños en coiros – unha gozada. Paseo pola illa. Miradoiro de aves, faro – pena de barco para ir a illa sur. Aínda non conseguimos un amigo con barco.
Cea na terraza; feliz aniversario, Luís e Alberto. De Vilanova e nados con dous días de diferencia ¿Que pasaría en Vilanova en Abril hai 49 ou 50 anos? ¡Quizás a primavera¡
Brindis. “Y que cumplas muchos máaaaaaaaaaaaaaaas.”
“¿Imos ver as noctilucas?” Son máis das doce da noite; estamos cansos, esgotados; todo o día de aquí para alá. Pois claro que imos. Achegámonos á praia polo camiño escuro, a cegas. Cruzámonos con varios grupos de mozos que andan de troula e algún que outro camiñante solitario da noite. Chegamos ó borde da auga e comezamos a deslizar os pés pola area mollada. Queda unha estela de estreliñas que se esvaece inmediatamente. Outra vez pasamos os pés, e outra constelación de estreliñas aparece e desaparece no borde do océano. Parece maxia, e nos, nenos calvos ou canosos xogando e brincando na praia.
Volvemos ó cámping. Nunca durmín ben nas tendas, pero, unha vez acomodado, durmo ata que me esperta o escándalo das gaivotas as 7 da mañá. ¡Malditos bichos¡ O mesmo dirían eles–se falasen – de nos. Despois de todo este é o seu territorio.
Ás 9 erguémonos e Moncho e eu ímonos dar un baño no mar ¡Que sensación, na agua transparente, queda, morna; iluninados por un sol espléndido ¡Esto é Vida – si , con V maiúscula-¡
Almorzamos, desmontamos as tendas e ímonos á praia todo o día.
Se lle quitamos a cola do almorzo e a do xantar, esto debe ser o máis parecido ó paraíso que hai na terra. Paisaxe natural, pouco manipulada polo home; limpo, a pesares de non haber papeleiras; xente tranquila, amante e disfrutadora da natureza; bosques, árbores, mar, area branca, PAZ. Ogallá nunca cambien nada.